Monte Penide Camiñando pola prehistoria

Estamos no Monte Penide, un lugar máxico onde as xentes da prehistoria deixaron pegada cos seus monumentos megalíticos, gravados rupestres e asentamentos. Nada máis saír do bus recibimos explicacións do guía, Xurxo, sobre a importancia arqueolóxica deste enclave e as súas características (penichaira, vista sobre os arredores...) a posible explicación de terse convertido en necrópole, a cultura da morte e o seu simbolismo.

Achegámonos á Mámoa do Rei onde tras cinco mil anos continúan en pé as grandes laxes verticais que formaron as paredes da cámara funeraria. Falta a tampa que, xunto ao resto de pedras do túmulo, foi parar probablemente ás construcións dos arredores. A entrada destes monumentos megalíticos, igual que a dos templos contemporáneos, está orientada ao nacer do sol que no solsticio de verán incidirá sobre a enorme pedra do fondo que constitúe o altar.

Nas mámoas acháronse armas, utensilios e restos humanos de diversas épocas xunto cos enxovais correspondentes entre os que se atoparon centos de doas de colares.

Outra mámoa e outra pedra de altar, esburacada por tobos de raposa ou de coello.

Entre as múltiples teorías sobre o significado dalgúns gravados: que eran marcas territoriais, un "aviso a camiñantes", etc.

Unha posible interpretación dalgúns dos gravados é que reflectisen fenómenos ópticos tipo as figuras denominadas fosfenos como círculos concéntricos e outros patróns xeométricos. Esas visións eran gravadas nas pedras o que explicaría por que ese tipo de gravados se repiten en distintas -e distantes- culturas.

Hai pouco non había sinalización nestes gravados rupestres. As motos todoterreo pasaban contribuíndo á súa erosión. Alomenos agora sabemos quen están aí aínda que teñamos que botar a imaxinación a pacer para ver os deseños.

O nome da laxe é Chan da Cruz por esa cruz gravada nunha época distinta e de xeito diferente ao do resto dos petróglifos.

Ás veces aproveitábanse as diaclasas ou fendas naturais da rocha para resaltar algunha liña dos debuxos.

Aínda que a árbore dominante é o piñeiro, camiño do castro atravesamos unha pequena zona de frondosas.

Logo dos megalitos e os gravados chegou o turno ao castro, do que quedan as lendas, un cruceiro, unha fonte e as fermosas vistas á ría, á dorsal montañosa do Monte Galleiro e ao camiño portugués de Santiago, antigamente Vía Romana XIX, sobre a Depresión do río Maceiras.

Entre as lendas do Castro de Negros está a da Moura que primeiro é serpe e se transformaba en moza cando un rapaz lle colle das fauces abertas un caravel cos beizos.

E por suposto non podían faltar as pedras máxicas, como esta chamada -como non- "a cama da moura", onde se realizaban rituais de sanación. Nesta ocasión a pedra valeu para botar unhas risas e tomar un descanso no fin da camiñada.

Report Abuse

If you feel that this video content violates the Adobe Terms of Use, you may report this content by filling out this quick form.

To report a Copyright Violation, please follow Section 17 in the Terms of Use.