Loading

Que tería pasado se Einstein nacera muller? Estupenda pregunta para empezar o día, non vos parece? Pois que probablemente hoxe non teriamos nin idea de quen foi Einstein!! Porque sería algún compañeiro de investigación quen tivese levado os méritos polos seus achados.

Este fenómeno, coñecido como o efecto Matilda en lembranza de Matilda Joslyn Gage, a primeira activista en denunciar, sinala a inxustiza que leva ignorando de xeito sistemático os achados de brillantes científicas ao longo da historia. A invisibilización da muller e a apropiación do seu traballo por parte dos compañeiros é un feito demostrable e aínda queda moita arqueoloxía de xénero por facer!

A falta de referentes femininos ten un impacto nas aspiracións profesionais das nenas, que se traduce nunha menor presencia feminina nas carreiras STEM (science, technology, engineering and mathematics). Hai que recuperar todas estas figuras, e un xeito atractivo e masivo é o CINE.

Velaquí a selección que vos recomendamos dende a Biblioteca Xaquín Yebra, 6 películas protagonizadas por mulleres científicas, baseadas en feitos reais, que dan visibilidade á labor da muller nesta disciplina.

Gorilas na néboa

Baseada en feitos reais, a súa protagonista é Dian Fossey, unha zoóloga estadounidense apaixonada polo estudo dos gorilas: a través deles, buscaba comprender a evolución humana. En concreto, aborda o seu labor científico e a súa loita contra os cazadores furtivos que axexaban as selvas africanas en busca destes animais; algo que, desgraciadamente, levouna a un tráxico final: morreu aos 53 anos asasinada por traficantes de especies animais en perigo de extinción.

Película completa subtitulada en español

Florence Nightingale

Este biopic narra a vida de Florence, unha enfermeira que viaxou á guerra de Crimea (1853-1956) para curar aos feridos da contenda. Denunciou a pésima situación na que se atopaban os hospitais de campaña e o seu labor sanitario sentou as bases para crear o primeiro modelo de enfermería. Ademais, o seu traballo serviu de inspiración a Henri Dunant, fundador da Cruz Vermella.

Figuras ocultas

O seu argumento combina a loita polos dereitos civís dos cidadáns de cor en EEUU, durante a década dos anos 60, e o traballo non recoñecido de tres científicas afroamericanas: Katherine Johnson, Dorothy Vaughan e Mary Jackson. En concreto, relata como axudou o seu traballo no proxecto da NASA de poñer en órbita ao astronauta John Glenn: unha misión espacial coa que EE. UU. gañou a partida á URSS na Guerra Fría.

Radioactive

Esta película conta a vida de Marie Curie, primeira muller gañadora dun Premio Nobel de Ciencia. Reflicte toda a traxectoria científica de Curie desde que decide estudar física ata o seu gran descubrimento: o radio. Mostra a perseveranza de Marie nunha comunidade científica estritamente masculina rodeada de prexuízos.

A doctora de Brest

Está baseada na historia real de Irène Franchon, neumóloga en Brest (Francia), que se fixo mundialmente coñecida en 2010 por loitar contra a industria sanitaria e farmacéutica francesa ao destapar un escándalo ao redor dun medicamento subvencionado pola seguridade social do país que estivo 30 anos no mercado e acabou coa vida de 500 persoas.

Ágora

Ambientada na Alexandría (Exipto) do século IV , cando a cidade se atopaba baixo o poder do Imperio Romano, está protagonizada por Hipatia, unha matemática, filósofa e astrónoma que tivo que loitar por gardar todo o coñecemento e sabedoría da lendaria Biblioteca de Alexandría durante as revoltas relixiosas. A película expón a súa paixón pola ciencia: empéñase en resolver o enigma astronómico que expoñen os planetas errantes e emociónase ante os textos científicos.

Created By
Loli MG
Appreciate