Loading

Museo Liste visita guiada

Contidos expositivos:

Enxoval doméstico: cociña popular e cociña distinguida. Pezas relacionadas co cultivo, produción e comercio de alimentos. Obxectos de almacenaxe, transporte e conservación. Singularidades e consideracións arredor da alimentación. Protagonistas da nosa dieta. Alimentos básicos.

O Picadillo, popular libro de cociña onde os ingredientes aparecen en cantidades aproximadas. Sellas garrafóns, xerras e cuncas para transportar, almacenar ou beber líquidos.

Os oficios tradicionais

Unha serie de rocas e fusos

O mercado popular das aldeas galegas

En Moaña celebrábase no barrio de Abelendo no lugar que aínda hoxe se chama “A Feira”. Alí xuntábase a veciñanza de toda Moaña e parte tamén do resto do Morrazo todos os días 3 e 19 de cada mes do ano para facer compras de todo tipo de artigos. Ademais das compras, o que se facía era una especie de intercambio xa que alí había produtos do campo e temporada: cebolas, ervellas, patacas pero tamén ovellas, cabras, vacas, galiñas,... Levábanse as especies que se producían para poder comprar o que se necesitaba no fogar: roupas, calzado, utensilios, pequenos móbeis,... O día da feira era o máis parecido a un día de festa xa que se poñía a roupa nova e deixábase de traballar no campo. Os homes quedaban na taberna e as mulleres ían vender artigos que cultivaban para facer o intercambio levando de volta peixes e roupas. Usábase esta forma de intercambio cando non había abundancia de diñeiro.

Bernardino García

O mercado do Castro

Nel vendíanse as patacas, ervillas do cedo pois como eran as primeiras da colleita pagábanas ben.

Erguíamonos cedo, tomabamos algo quente, arranxabamos as cestas e logo tiñamos que baixar ata o porto onde os motores que nos levaban a Vigo estaban esperando por nós. A min gustábame ir no “Kitin” que grande era! e o señor Xesús que ben o levaba! Poñiamos todo na cuberta, e había ondas que algunha sempre nos mollaba, tiñámonos que tapar pois ía frío no medio do mar. Cruzar a ría era fermoso, pero mellor era mirar o mencer.

Cando chegábamos a Vigo... ala! as cestas na cabeza e tira para arriba, subíamos Carral, a Porta do Sol e a Ferrería, a min esa rúa traíame tola e preguntáballe a miña nai: por que esas mulleres están tan cedo na porta? como fuman! miña nai dicíame: gústalles mirar como vamos coas cestas... e tira para diante que temos que vender.

O mellor era cando baixabamos, miña nai compraba uns boliños de pan gramado cuns corniños, que bos eran!

Chegabamos a casa almorzaba e ía para escola, non tiña sono pero unha dor de costas que duraba días.

Agora xa non se sementa nada pois é máis doado comprar todo nos supermercados e así estamos acabando cos nosos costumes.

Iso si, os boliños séguenos facendo, cos corniños e gramados que nunca mellor dito a min sabíanme a gloria

Gloria Monroy

Conta miña nai que a miña bisavoa sentaba na lareira a fiar liño e la das súas ovellas e que logo facía calcetíns para toda a familia e preparaba canelas para as fillas que eran tecedeiras. Facía isto mentres poñía a pota na gramalleira para cocer o caldo e as patacas para os seus porcos e entre unhas cousas e outras íalle contando a iña nai historias da súa vida.

Almudena Figueiredo

Naqueles tempos íanse a vender a Vigo os produtos do campo e animais. Conta meu tío que nunha ocasión foron vender un porco e levárono na lancha que tiñan eles para ir a pescar. No medio da ría, o porco púxose nervioso, empezou a moverse e caeu ao mar. Tentaron collelo para que non afogase pero o porco o único co que podía agarrarse era coa boca e trabáballes. Cando conseguiron subilo a bordo poñéndolle unha corda ao redor estaba medio afogado e aterecido de frío, aínda así levárono á feira pero ninguén llo comprou pois o porco non deixaba de tremer e a xente pensaba que estaba enfermo. Tiveron que traelo de volta e ir outro día vendelo.

Josefa Villar

Días de labranza

Para facer a labranza todo dependía da meteoroloxía, pois se chovía moito facíase moi difícil e a terra encharcaba. Os bois ou vacas axudaban pero cando chegou o tractor el só xa case facía todo, pero unha vez que lle daba volta á terra así quedaba, era lama, iso tiñas que movelo logo co legón, era moi duro. Acabando o traballo, os donos da leira levaban a merenda en cestas de vimbio para todos: empanada, peixe frito, viño de tinta femia… era moi cansado, pero unha alegría estar cos veciños axudándose uns aos outros. En agosto, o millo tiña xa unha altura considerable e cortábanselle as candeas. Regábanse os pementos, as cebolas coa auga que corría polos regatos. Era todo de unha gran beleza, todas as leiras producían os alimentos para os animais e as persoas. Un día chegou o xabarín, empezou a destrozar todo, bastaba unha noite para acabar co traballo de todo un ano. Hoxe aquilo está cheo de silvas e salgueiros, é un bosque. Os pradiños cheos de liño xa non existen.

Mercedes Bastón